sábado, 28 de noviembre de 2015

A casa da aldea

Mentres preparo páxinas e recursos para un novo proxecto e pasan por diante dos meus ollos distintos tipos de vivendas, cidades e terras de labor, voume decatando dos cambios na paisaxe ó longo dos tempos e lembro con certa nostalxia os meus anos infantís antes da emigración cando sentaba co meu avó, os dous moi xuntiños, a coidar as vacas que pastaban na leira, o frío intenso das mañás de néboa que atravesaba sen piedade as poucas capas de roupa dunha época de miseria e penurias, a volta polos carreiros coñecidos correndo diante dos animais e ese cheirume a gando que invadía toda a casa procedente das cuadras situadas debaixo, que facían tamén de oportuna calefacción. Lembro cando subía ó faiado coa miña avoa por unhas escaleiras estreitas e esperaba coa cara iluminada a que abrira a tulla chea de gran onde eu metía as mans e aspiraba aquel olor tan especial. Cando iamos ó regato a lavar a roupa e deixabámola a clarear sobre a herba ou cando, á noitiña, sentada nun gran banco fonte a lareira, escoitaba falar ós maiores, familiares e veciños que viñan das casas contiguas, hipnotizada polas lapas que bailaban nas brasas ata que os outros nenos me envolvían nos seus xogos. Tempos sen tecnoloxías. Tempos de historias ó redor do lume.
Da casa dos meus avós só quedan os muros, o pozo interior e a lareira, que se nega a desaparecer baixo a maleza cal sentinela das voces doutro tempo. 


No hay comentarios:

Publicar un comentario