jueves, 21 de mayo de 2015

De Sarria a Fafián

Son unha desas asiduas visitantes do río; acompañada da miña cadela seguimos a ruta desde Sarria a Fafián mesturadas co piar de paxaros, murmurios acuáticos e cruxir de pólas. A humidade invade o ambiente e os raios do sol fíltranse a través da espesura. De cando en vez outra cara, tamén asidua, sáeme ao paso; saudámonos, como todos os días, e mesmo nos paramos a esbozar unhas frases de cortesía. Entre saúdo e saúdo, mentres a miña cadela corretea facendo que caza, eu escarvo entre os restos da miña vida por ver se atopo algo que aínda valla a pena recuperar e restaurar, coma se fose un moble vello, un bronce que perdeu o brillo. Os cheiros a auga, a herba e a humus inúndanme e aínda me sorprende o silencio total do remanso do río despois de pasar a última fervenza, antes de atravesar a ponte de madeira. As árbores murmuran entre elas coas súas roupaxes recentemente estreadas e a súa risa acompáñanos até a acea outrora ruidosa e chea de vida. Imaxino á súa porta os carros cargados de gran e a xente saíndo con sacos de fariña, voces animadas e traballo incesante das moas. Hoxe pasamos ante os seus muros de pedra, esquecidos no medio do bosque, seguindo o camiño que nos levará de volta até o inicio da senda, que nos traerá de regreso ó noso tempo.

Unha andaina polos ríos Sarria e Celeiro

Con todas esas fotos que quedaron aí despois de coller as que necesitábamos para os nosos traballos,  fixen unha escolma que deixo neste album enchido de verde e auga