jueves, 8 de octubre de 2015

O BERRO DE GAIA

Iniciamos con ilusión un novo proxecto, o Proxecto Terra, dentro do Plan Proxecta. 
Os antigos crían que a Terra era unha deusa, unha das primeiras deusas...

Gaia, invadida na súa intimidade por Urano, o seu fillo e amante, pariu sen cesar ós Titáns, seres monstruosos que representaban as distintas manifestacións da natureza. Montes, ríos, océanos foron saíndo de dentro de Gaia, fillos do Ceo e da Terra; mais Urano temía o poder dos seus vástagos e pechounos no mundo subterráneo ata que Cronos, o máis novo e rebelde, decidiu liberarse das ataduras do pai e coa axuda da nai que lle deu unha fouce, castrou ó pai cando estaba dentro dela. Ese foi o mesmo Cronos-Saturno que despois devorou ós seus fillos apenas foron chegando ó mundo igual que o tempo vai devorando segundo tras segundo as nosas vidas.




Gaia, a deusa Terra, foi venerada en todas as antigas civilizacións con distintos nomes, era a deusa nai da que todo saía, sen ela non habería froitos que levar ás mesas nin flores con que adornalas, nin teas con que vestirse. Os nosos devanceiros mimaban a terra de sol a sol, celebraban festas na súa honra, ensinaban ós fillos a traballala e a coidala para que eles a súa vez fixeran o mesmo cos netos nun círculo ancestral.



Pouco queda hoxe desa veneración á terra. Quizais é que as nosas xeracións non souberon compaxinar adiantos e tecnoloxía co coidado do agro ou pode ser que na nosa inconsciencia pensemos que sen terra igual teremos froitos que levar á mesa.