martes, 10 de octubre de 2017

U-LA IGUALDADE?

Debater entre as distintas sensibilidades nun tema como o da igualdade, sempre xera polémica entre os contertulios. 
Empecemos pola propia palabra e o seu significado; segundo a Real Academia, igualdade significa: “ Principio que recoñece a equiparación de todos os cidadáns en dereitos e obrigas”. Ata aquí todo parece dunha lóxica aplastante, o malo é cando a mente humana tende a complicar o máis sinxelo en beneficio propio.


Xa a estas alturas ninguén dubida de que as mulleres somos e fomos vilipendiadas, humilladas, ignoradas, ultraxadas e agredidas a todos os niveis ó longo dos tempos por unha parte do xénero masculino. Ninguén cuestiona este feito. Eu son unha desas mulleres e, porque o son,  e despois de anos de terapias propias e alleas, considérome coa suficiente capacidade como para cuestionar a manipulación que se fai deste tema, alegremente, por parte de mulleres e Institucións. Tampouco me creo con dereito a menosprezar ós homes, poucos ou moitos (como se só é un) que foron e son agredidos fisica ou psicoloxicamente polas súas compañeiras porque coido que todos e todas estamos no mesmo barco da senrazón.  

Como podo explicarlle ó meu alumnado que imos traballar nun proxecto que se chama “respecto e igualdade” no que só se pode falar da violencia do home contra a muller?. Onde non se menta para nada a violencia que exerce a muller sobre o home (que tamén a hai) ou a violencia sexual que se exerce sobre nenos e nenas ou a violencia entre parellas homosexuais? Por que non se menciona tampouco a violencia no ámbito familiar exercida contra os anciáns?  Alguén pode dicirme por que non entran estas cuestións dentro do respecto e igualdade? Como podo explicarlle ó meu alumnado que os homes teñen leis distintas polo feito de ser homes?. Por “discriminación positiva”- disque. Hai sintagmas nos que brilla máis unha palabra cá outra e neste brilla máis  “positiva” que “discriminación” cando esta última significa o que significa e nada pode cambiala, pero sobre todo, nada hai nela que evoque a igualdade. 


Todas as leis entre homes e mulleres deberían ser iguais e, se queremos unha igualdade efectiva, deberíamos empezar por abordar o tema con xustiza e equidade nas aulas, que é onde podemos plantar a semente, pero falando de toda a problemática no seu conxunto, non só dunha parte sesgada, manipulada e interesada.

Seica debo seguir as directrices dun proxecto que eu mesma elixín, ignorando naquel momento a palabrería coa que nos agasallan neste tipo de proxectos e ofuscada só por ese fermoso título: “respecto e igualdade” pero non podo dirixir ó meu alumnado por un camiño no que o respecto e igualdade non abrangue, canto menos, a ambos membros da parella.